Manolo Regal.pdf


Vista previa del archivo PDF manolo-regal.pdf


Página 1 2 3

Vista previa de texto


Empezamos o tempo de Pascua, que desde a celebración da Vixilia
Pascual nos vai levar durante seis semanas á solemnidade da Ascensión, logo
á de Pentecoste, na que celebraremos a presenza do Espírito Santo nas nosas
vidas cristiás, na vida de todas as persoas e realidades que hai no mundo.
Durante a oitava de Pascua o Evanxeo de cada día permite aproximarnos
á experiencia daquelas persoas que dun xeito sorprendente tiveron a
experiencia de que Cristo estaba vivo no medio delas, no medio da
comunidade, no medio do mundo. Morrera, pero a morte non lle arrebatara a
capacidade de estar no medio dos seus –todo o mundo é seu--, iso si, dunha
forma nova, que se percibe cunha sensibilidade nova.
Durante o tempo da Pascua invitarásenos a realizar nos mesmos esa
experiencia de encontro con Cristo resucitado; cousa que non é cuestión de
ningún tipo de maxia, senón cuestión de estar moi atentas/os á vida de cada
día, pois é na vida de cada día onde Xesús se nos amosará a través de
pequenos sinais que falan del, que nolo fan presente. Por exemplo, se eu levo
tempo sen lle falar a unha persoa veciña, percibo que iso é un atranco para a
nosa felicidade, e me dispoño a retomar esa relación, é a vida que trunfa en
min, é Xesús que resucita en min, ou eu nel. Ou se estaba deixando de
participar en algo comunitario, e vexo que non podo deixar de lado os intereses
comunitarios, e me dispoño a volver a botar unha man, é a vida que trunfa en
min, é Xesús que resucita en min ou eu en Xesús.
A Pascua é un clamor de vida, un clamor pola vida. A nosa Pascua
sempre será unha Pascua parcial, en camiño. Pero é Pascua, porque é gustar
xa o fermoso que é vivir, o fermoso que é compartir vida, o fermoso que é
traballar para que a vida o envolva todo: natureza, animais, xente. A Pascua
realízase sobre todo cando todo o máis fráxil da natureza, dos animais, das
persoas, por fóra ou por dentro, é especialmente atendido, e recupera o gozo
de vivir e de celebrar a vida. No nome do Deus da vida, que para a vida nos
creou e para a vida nos recompuxo en Cristo Xesús.