Manolo Regal.pdf


Vista previa del archivo PDF manolo-regal.pdf


Página 1 2 3

Vista previa de texto


MEDITACIÓN A PARTIRES DO EVANXEO

do Domingo de
Pascua que fala de como María Magdalena chega ao sepulcro, atópao baleiro
e corre a dar a nova aos demais.

Fixémonos en María Magdalena. Vai ser un personaxe clave en moitos dos
relatos que teñen que ver coa resurrección de Xesús. A Magdalena é unha
muller que percibira no seu ser a forza renovadora de Xesús; dalgunha maneira
fora ela mesma resucitada por Xesús das moitas mortes que enchían a súa
vida. Sabía de mortes, de amores, de renovacións incribles, de resurreccións.
E, con estas vivencias no corazón, acudiu ao sepulcro. Moi cedo. O amor, a
dor, non a deixara descansar. O amor mantíñalle vivo o desexo do reencontro.
E volve ao sepulcro, cando menos para chorar ausencias. E atópase coa
sorpresa dunha tumba baleira. Segue soñando cun corpo morto, sobre o que
pousar todos os seus coidados amorosos.
Pero as cousas empezan a tomar outro rumbo. E se o morto non está morto? E
se o baleiro, a forza de buscas, de amor e de fe, se vai enchendo dunha
presenza nova? E corre a compartir coa comunidade os seus achados, as súas
ansias, os seus amores, as súas dúbidas. Ela, a primeira testemuña da
resurrección.
E, o mesmo que se correu a pedra do sepulcro, bótase a correr tamén unha
roda de amores, de inquedanzas, de fe, de encontros, que permitiu ter o
convencemento de que Xesús estaba vivo no seo do Pai, no corazón da
comunidade, no corazón de cada persoa que lle abre as portas da vida, no
corazón do mundo da solidariedade, que fora sempre o mundo de Xesús.
Viron, entenderon e creron. E invítannos a todas e todos nós a un recorrido
semellante. Desde a busca, desde a fe, desde o amor.